Agora entramos nós, imos botarlle unha man a VAIPOLORIO na teima de manter limpo o río dos Gafos no seu paseniño devalar polo tramo urbá. Nós, os da cidade que a cotío gozamos da beleza dun río que moito tempo tivemos esquecido, os que paseamos polas súas verdecentes beiras, os que levamos ós cans de paseo, os que imos cun libro a ler sentados a caròn da derradeira carballeira urbá que queda, só coa compaña do murmurio do auga, os que disfrutamos co rechouchío dos paxaros, do recendo do fiuncho mentrasto e loureiro que agroma nas ourelas, os que disfrutamos das peripecias do merlo rieiro e do picapeixes na procura de alimentos, da beleza do florecer no tempo dos narcisos e lirios, e con sorte, na primavera, escoitar cantar ó cuco
Imos botar unha man é arroupar a un fato de homes e mulleres bòs e xenerosos que sacrifican o seu tempo de lecer para manter limpo o río que moitos de nós emporcamos. Sen tempo non era que nos decataramos que ter un río que pase pola cidade é un privilexio que entre todos temos que coidar, un río é un agasallo da natureza temos a obriga de contribuir entre todos a mantelo o máis limpo posíbel e non esperar que mentres estamos a desfrutar da praia ou do campo outros fagan o traballo.
O domingo día dez alí estaremos inda que só sexa unhas horas, imos para sentirnos orgullosos de ter ó noso carón un río limpo que forma parte noxa e poder presumir del. Mágoa que o noso río da infancia permañece inda soterrado, sabemos que é o mesmo río porque os veciños cando nos asomamos nel como na lenda de Narciso e nos miramos no espello das cristalinas augas, vemos pasar a nosa infancia, os xogos, os baños na calor do verán, apañar as polas para a fogueira, a recolleita de fiuncho e flores ventureiras das ourelas para os Maios, nun canabal colliamos as canas para pescar os peixes que nunca picaban, escoitabamos os concertos das rás nunha poza en Entrerios nas noites do veràn alumeados coa luz das vagalumes, no lusco fusco sentados na ponte da Tablada agardabamos polo futuro que non daba chegado.
Polos fermosos tempos da infancia vividos a carón do río que xa non están e tamén polos momentos de tranquilidade e disfrute de agora, alí estaremos a limpar o noso río que os de VAIPOLORIO non se sintan soios. Debémosllo os que moito tempo o tivemos esquecido o rio. O Gafos é un anaco de nós, a virxe da Peregrina o entenderá.