O Úbalo ou pincaouro (pintas de ouro) , en castelán: Lúgano, é un paxaro de vistosa plumaxe, curmán do xílgaro e do xirín, da familia dos frinxílidos. Visítanos cando hai escaseza de comida por mor da inverneira setentrional.
Nos invernos temperados non chegan a Galiza.
Os anelamentos revelánnos que poden vir da Rusia, do Fiordo de Trondheim, ou dos mestos bosques de Suecia… Vémolos en grupos discretamente abondosos que se espallan por ameneirais ou nas ringleiras ripícolas dos nosos ríos, na procura das sementes dos estróbilos dos ameneiros que con tanta gracia e ingravidade acadan pendurados boca abaixo.
Aparecen de súpeto, cando unha bandada se move de unha árbore para outra, mesmo cando baixan a beber. Como non se aparellan, nin crian nestas latitudes, descoñecemos outras conductas de exhibición ou descoido ante os predadores, pero dende logo aquí, coidan moito a vulnerabilidade.
Albiscados no río Gafos por Pontevedra e Vilaboa son gregarios en grupos espallados, nunca con moito máis de corenta ou cincuenta indivíduos xuntos.
Nas fotos que veñen de seguido podemos ver o úbalo enfocado de cerca para distinguilo perfectamente. Xa, a cinco metros hai que deterse un pouco para descubrir aqueles paxaros que non foron atopados nun primeiro momento. Están perfectamente mimetizados.
Hai moitos tipos ou estratexias de mimetismo, pero debemos coidar non confundilo co aposematismo dos limpafontes, ou co mimetismo batesiano da mosca do sol (G.B.), posto que o pincaouro desplázase moito, alimentándose de distintas sementes, en habitats diversos. Si o pincaouro experimenta algunha mutación cromática nas súas plumas, débese a librea nupcial e non ó mimetismo. De feito denomínase plumaxe críptica nos frinxílidos, porque mestúranse cores vivas con pencas ou manchas escuras que distorsionan a súa silueta.
Este mimetismo chámase críptico. Non de cripta (tapada, soterrada), senón de cripsis que en zooloxía quere dicir camuflarse, aproveitando o medio no que se vive.
Convén distinguir os machos, máis conspícuos, das femias e crias, moito máis discretas.
Mesmo domina-las cores, porque cando nos parece un amarelo verdoso, é citrino; pois tan citrino e o peito do úbalo macho como o amento femia do ameneiro que ten ó lado; nunca verdoso. Ou como semellan as plumas da barriga do pincaouro coa casca da ponliña do ameneiro. ¿Será un gris abrancazado ou un branco prata?: A casca das betuláceas é da cor incanus, como a barriga do noso úbalo. As sombras da ramaxe coinciden, altérnanse e mestúranse coas manchas negras das súas plumas remeiras e coas líneas paralelas da súa “toga”.
Convén engadir que mentras o pincaouro está a comer as sementes dunha piña de ameneiro, móvese moi pouco, xa que extraelos grans leva seu tempo.
Mentras coman así, mimetizados, difícilmente as rapiñas darán con eles.
© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com