A moureira


Microtopónimo ribeirán da freguesía de Santa María (Pontevedra). Este topónimo da ría pontevedresa é, con probabilidade, unha forma derivada da base prerromana *MOR-R, adoito vencellada coas formacións rochosas e os pedregais. Sexa daquela o topónimo vestixio do noso primixenio litoral. O rueiro da Moureira está construído encol das laxas. Orotopónimo.

Filgueira Valverde creu acaído derivar o topónimo do latín muria “salmoira”,auga saturada de sal empregada na conservación de alimentos, especialmente o peixe.

Antigamente, a populosa Moureira pontevedresa abranguía dende a ponte do Burgo ata a desembocadura do río dos Gafos, nas Corvaceiras, e nela distinguíanse tres rueiros: A Moureira de Arriba (localizada preto da ponte do Burgo), A Moureira da Barca (fronte a Poio) e A Moureira de Abaixo (ou Moureira dos Pescadores), tamén coñecida por San Roque.

O arrabalde portuario da Moureira, sito extramuros, viviu a súa época de esplendor nos séculos XV e XVI. O gremio de mareantes, atafegado nas actividades pesqueiras, salgadura e estaleiros, deixou selleira mostra da súa puxanza coa erección no século XVI do belísimo templo de Santa María.

© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com