Microtopónimo ribeirán da freguesía de Figueirido (Vilaboa). Mato + Xestiña. Mato, derivado de mata, do latín tardío matta(m) “esteira”. Xestiña, diminutivo de xesta, do latín genista(m), co mesto significado. Fitotopónimo.
Un mato é o “conxunto de plantas baixas que nacen moi mestas; matagueira, matogueira”, “terreo ermo no que existen moitas plantas baixas e bravas; matagueira, matogueira”, “toxeira, lugar onde abundan os toxos”, “bosque, fraga, extensión plantada de árbores”, “monte baldío que non ten dono e é propiedade veciñal” ou “monte de menos tamaño ca a devesa e que non está cercado”.
Xesta é un “xénero de plantas arbustivas da familia das leguminosas (Genista sp), de talo leñoso de cor verde, con moitas pólas delgadas e flexíbeis, follas pequenas e escasas, flores amarelas ou brancas”. A xesta limesa ou rubia, a xesta mansa, a xesta negra ou negral e a xesta pudia son diversas especies deste vexetal.
No Mato da Xestiña localízase a fonte do Salgueiriño, nacedoiro do río dos Gafos.
© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com