Tomeza


Tomeza, parroquia do concello de Pontevedra. Frei Martiño Sarmento, no seu “Viaxe a Galiza de 1745”, escribe sobre o particular:

Á tarde fun tamén rexistrar pola igrexa de Tomeza un sepulcro do tempo dos suevos que se descubriu o ano de 1741 e que ten inscrición (…) Ollei case o nacemento do río de Pontevedra, que vai á Ponte Nova (hoxe caída) pois nace perto de Pedra Fita, e rega todo Marcón, e parte de Tomeza, Mourente, e Salcedo; e así chámase río de Marcón. A este engádeselle outro que chaman de Santa Marta ou Santa Comba (río dos Gafos), por vir de alí. E en instrumentos antigos chámase río Tomeza e de Thomicia e xa van xuntos na Ponte do Couto alta, e os dous fertilizan moito. Este mesmo día saín de Tomeza e vin durmir a Pontevedra hoxe, 22 de setembro (ano 1745), mércores.

E engade: Tomeza nos tempos antigos era sitio famoso e memorábel, ou como lugar populoso, ou como sitio no que se enterraban os romanos, antes os gregos, despois os suevos. A isto poderá aludir a voz “Tumeza” pois acaso será de tumba (thymbos en grego, que significa sepulcro) e como de “sepulchrum” formouse “Sepulchretum”, “sepulchreta”, formaríase “Tumbetum”, “Tumbeta”, “Tumeta”, “Tometa”, “Tomeza”, sitio de sepulcros.

E conclúe: Discorría se viría de “tumor”, “tumescencencia”, “tumentia”, etc, por estar nunha lomba do monte de San Cibrán, ou se de “tomex, tomicis” que é a tomiza. Pero paréceme máis verosímil vir de tumba.

Río (de) Tomeza, é unha das denominacións do río dos Gafos.

San Cibrán ou San Sibrán (Cibrán, do latín Cyprianus, do adxectivo cyprius “de Chipre” ou relativo a Cirpis ou Ciprina, sobrenome da deusa Venus) é haxiotopónimo da freguesía de Tomeza. No coto do monte de San Cibrán, érguese unha ermida na honra do santo.

No “Dicionario dos nomes galegos” (páx. 200) lemos: Coma santa Comba, Cibrán foi meigo antes de se cristianar e por iso en toda Europa corren fórmulas máxicas recollidas en libros que se atribúen a san Cibrán (…) O verdadeiro libro de san Ciprián de Galicia, popularmente coñecido como O Ciprianillo0, auténtico vademecum de todos os feiticeiros, meigas e antaruxas, libro de maxia evidentemente apócrifo (…) Tomeza, a par de Pontevedra, é terra con tradición de meigos, nigromantes e pastequeiros; alí están as ermidas de San Cibrán de Tomeza e de Santa Comba de Bértola que se celebran conxuntamente porque ambos están considerados bos esconxuradores do meigallo e sanadores de todo tipo de males estraños: alí teñen a san Cibrán polo mellor médico do mundo e o rito manda dar nove voltas ao redor do seu templo botando de cadea vez unha pedriña no tellado. No xantar á sombra dos piñeiros é obrigatoria a bica co ovo cocido no medio (vello símbolo primaveral da fecundidade, inmortalidade e esperanza no alén) e a rosca circular (símbolo do infinito e da eternidade). Pasado o san Cibrán, as mulleres de Pontevedra xa tiran as medias. Os santuarios de san Cibrán, feitos moitas veces no curuto dos montes, deron nome aos propios montes.

De Tomeza eran orixinarios o Manso, pastequeiro de sona e o Faracho, nomeado compostor de ósos crebados.

© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com