Río dos Ghafos


Aínda que, na actualidade, a denominación río dos Ghafos –xunto con río de Tomeza- nomea a corrente fluvial na súa totalidade, no antigo, foi chamadeiro do seu treito final. Na Moureira de Abaixo, preto da desembocadura do río (rúa dos Peiraos), existiu dende a Idade Media un hospital de gafos, enfermos de lepra. A posterior edificación (séc. XVI), sede do benemérito sanatorio, aínda se conserva en pé na ribeira dereita do río, sendo doadamente identificábel por mor da media ducia de rexos piares que erguen a súa solaina.

Gafo, con probabilidade, do árabe gafa “contraída, cos dedos dobrados”. O Dicionario Xeral da Lingua (páx. 609) recolle para gafo os seguintes significados: “que produce ou transmite infección” ou “que está afectado de lepra; laceirento, leproso”. Para gafeira, engade: “Doenza crónica infecciosa, producida pola microbacteria Mycobacterium leprae, que afecta os tecidos superficiais; laceira, lepra”

© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com