Microtopónimo ribeirán da freguesía de Figueirido (Vilaboa). Fonte + Salgheiriño. Fonte, do latín fonte(m), co mesmo significado. Salgheiriño, diminutivo de salgueiro, do latín salicariu(m), co mesmo significado. Hidrotopónimo + fitotopónimo.
Salgueiro é a “denominación de varias especies de árbores da familia das salicáceas (Salix sp) de pólas erectas e caducas, follas lanceoladas e sedosas que medra nas marxes dos ríos”.
Salgueiriño é así mesmo unha “planta herbácea perenne da familia das litráceas (Lythum salicaria) de follas lanceoladas que medra en lugares con auga ou moi húmidos”.
A Fonte do Salgheiriño, manancial do Mato da Xestiña, localizado no lugar da Boullosa, é o olleiro do río dos Gafos.
O señor Roxelio Torres Senra, médico de pobres, gabou en vida as calidades da auga da fonte do Salgheiriño, ben para o consumo cotiá, ben para a confección de menciñas. O señor Roxelio, falecido o 8 de abril de 1950, home bo e sabio, ocupou a súa estadía no mundo na procura da saúde e o benestar dos seus veciños e pacientes. Din no lugar que “medio Salcedo naceu na súa man” e que moitos outros zafaron das gadoupas fascistas mercé á súa mediación. Os veciños honraron o seu abnegado labor con busto de pedra e praza.
© Vaipolorio | Deseño yagocamarero.com